Proceso de admisións

AVISO IMPORTANTE: todo o alumnado solicitante de praza para o vindeiro curso 2021-2022 foi admitido.

Horario de atención para solicitudes presenciais:
:: Mañás: luns a venres de 08:30 a 13:00 horas.
:: Tardes: luns, mércores e xoves de 15:30 a 18:00 horas. Martes de 15:30 a 17:00 horas.

Información sobre o proceso de admisións (normativa aplicable, vacantes ofertadas, servizos complementarios, criterios de admisión, prazos do proceso).

1. Lexislación aplicable:

:: Decreto 254/2012, do 13 de decembro: Admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG)
:: Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado (DOG)
:: Orde do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG)
:: Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG)
:: Resolución de 25 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai público o resultado do sorteo ao que fai referencia o artigo 29 daorde do 12 de marzo de 2013

2. Calendario do proceso de admisión:

:: Publicación de vacantes: 26 de febreiro.
:: Presentación de solicitudes de admisión: do 01 ao 22 de marzo.
:: Presentación da documentación de baremación: do 25 de marzo ao 9 de abril (no caso de non haber suficientes prazas).
:: Publicación da listaxe provisional de admitidos e non admitidos: antes do 25 de abril.
:: Prazo de reclamacións: do 26 ao 30 de abril.
:: Publicación da listaxe definitiva de admitidos e non admitidos: antes do 15 de maio.
:: Prazo de matrícula Infantil e Primaria: do 21 ao 30 de xuño.
:: Prazo de matrícula ESO: do 25 de xuño ao 12 de xullo.
:: Prazo extraordinario de matrícula ESO: do 01 ao 10 de setembro.

3. Solicitude de admisión:

Existen dúas vías para presentar a solicitude de admisión:

:: Presencialmente no Centro de primeira opción:

  • Descargar o impreso de admisión (Anexo II) ou solicitalo no Centro de primeira opción, cubrilo a man, asinalo e entregalo no Centro de primeira opción xunto coa documentación do punto 4; ou
  • Cubrir a solicitude na aplicación admisionalumnado, a través do menú Solicitudes – Admisión – Crear. Unha vez cubertos todos os datos de todas as pestanas, débese imprimir, asinar e presentar no Centro de primeira opción xunto coa documentación do punto 4.

:: Telematicamente, mediante Chave365 ou certificado electrónico (pódese descargar un pequeno manual do trámite aquí):

  • Cubrir a solicitude na aplicación admisionalumnado, a través do menú Solicitudes – Admisión – Crear. Seguir os pasos que vai solicitando a aplicación. O proxenitor que teña o usuario de Chave365 ou o certificado electrónico débese poñer en primeiro lugar na lapela de “Datos persoais” da aplicación.

4. Documentación que debe acompañar á solicitude:

:: DNI, NIE, pasaporte ou libro de familia do/a alumno/a.

:: Certificado de matrícula do centro actual.

:: No caso de solicitar praza reservada para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo derivadas de discapacidade física, psíquica ou sensorial, de sobredotación intelectual, de trastornos graves de conduta ou por encontrarse en situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais económicos ou culturais: documentación acreditativa de devanditas situacións e circunstancias.

:: No caso de separación ou divorcio: convenio regulador ou resolución xudicial de separación xudicial ou divorcio. Neste caso é obrigatorio que ámbolos dous proxenitores asinen a solicitude, agás que a patria potestade non sexa compartida.

5. Impresos e documentación a presentar no caso de alegar criterios de baremación, no caso de que non haxa suficientes prazas:

:: Consultar a documentación xustificativa para cada un dos criterios nos Artigos 20 ao 26 da Orde do 12 de marzo de 2013 [clic aquí]:

a) Existencia de irmás/áns matriculadas/os no centro.

b) Nai, pai, titora ou titor legal que traballe no centro.

c) Proximidade do centro ao domicilio familiar* ou ao lugar de traballo das/dos nais/pais ou titoras/es.

d) Renda anual per cápita da unidade familiar*.

e) Condición de familia numerosa*.

f) Condición de familia monoparental**.

g) Concorrencia de discapacidade na alumna ou alumno, ou en nai, pai, titora, titor, irmá ou irmán do alumnado*.

h) Nai/pai/titor(a) legal que sexa antigo/a alumno/a do centro.

*Só será necesario presentar a documentación relativa aos criterios de domicilio fiscal, renda per cápita da unidade familiar, condición de familia numerosa e de discapacidade do alumnado, do/da proxenitor/a, do/da titor/a ou dos/das irmáns/ás recoñecida pola Xunta de Galicia, cando a persoa interesada denegue expresamente a consulta automática segundo establece o artigo 14 bis da Orde do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG). Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos pola Administración ou polo centro docente, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

**Enténdese por familia monoparental a composta por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento. 
Para a valoración do criterio de familia monoparental, a persoa interesada terá que presentar a certificación de recoñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou pola autoridade competente doutras administracións públicas.

6. Matrícula

:: Prazos de matrícula:

> Prazo de matrícula Infantil e Primaria: do 21 ao 30 de xuño.
> Prazo de matrícula ESO: do 25 de xuño ao 12 de xullo.
> Prazo extraordinario de matrícula ESO: do 01 ao 10 de setembro.

:: Documentación a presentar xunto coa matrícula:

> DNI, NIE, pasaporte ou libro de familia do/a alumno/a.
> Certificación académica do centro actual.
> Fotocopia da tarxeta sanitaria.
> Dúas fotos tamaño carnet.
> No caso de separación ou divorcio: convenio regulador ou resolución xudicial de separación xudicial ou divorcio. É obrigatorio que ámbolos dous proxenitores asinen a matrícula, agás que a patria potestade non sexa compartida.

NOTA INFORMATIVA IMPORTANTE:

:: Cada solicitante presentará unha única solicitude no centro no que se solicita praza en primeiro lugar. Nela poderán relacionarse ata seis centros, por orde de preferencia, que serán considerados posteriormente, no caso de que o interesado/a non se admita no centro ao que vai dirixida a solicitude. Neste caso a directora do Colexio remitirá a solicitude coa documentación correspondente á Delegación Provincial, que procederá a escolarizar ao alumno/a.

:: Cada solicitante deberá informar ao centro de procedencia que solicitou a admisión noutro centro.

:: Será ineficaz a puntuación acadada nos criterios de admisión cando se presente máis dunha solicitude para unha mesma ensinanza no mesmo centro ou en centros diferentes.

:: Segundo o establecido na nova Orde do 25 de xaneiro do 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013, infórmase que:

– O alumnado que solicite posto escolar por primeira vez ou que desexe cambiar a outro centro deberá presentar no centro ou a través da aplicación “admisionalumnado” (www.edu.xunta.es/admisionalumnado) o formulario normalizado ED550B que se adxunta como Anexo II desta orde. O prazo de presentación de solicitudes estará comprendido entre o 01 e o 22 de marzo.