Quen somos?

O colexio Maria Assumpta é un colexio concertado situado en Noia (A Coruña). Pertence á Fundación Educativa Jesuitinas, unha Fundación canónica privada que ten presenza en toda España con 21 colexios. Tres deles en Galicia, en A Coruña, Vigo e Noia.

O noso centro dispón de ensinanzas en Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Ciclos Formativos de grao medio (Actividades Comerciais) e de grao Superior (Xestión de Vendas e Espazos Comerciais). Tamén dispón dunha unidade de Educación Especial. No noso centro dispoñemos de varios profesionais (PT/AL) que poden atender as necesidades de alumnos que necesiten unha educación máis personalizada.

O colexio ten ideario cristián e, como tal, destaca pola formación en valores do alumnado. Dende a dende a acción titorial e a través de múltiples actividades e campañas solidarias en colaboración con varias ONG, Fundacións e asociacións, tanto locais como a nivel nacional e internacional, traballamos no obxectivo de formar persoas solidarias e comprometidas. Ese mesmo estilo de colexio fai que o noso centro se caracterice pola acollida de familias e alumnado, un clima cercano e destaque pola comunicación familia-escola.

O noso proxecto pedagóxico inclúe unha formación e actualización constante do profesorado, levando ás aulas as metodoloxías máis innovadoras. En consonancia coas demandas sociais do século XXI, formamos alumnos creativos, fomentamos o traballo en equipo e potenciamos as competencias do alumnado, preparándoos para estudos futuros e mesmo para a súa incorporación ao mundo laboral.

O colexio Maria Assumpta aposta tamén polo uso das TAC (tecnoloxías aplicadas á educación). Dende 3º de Primaria ata 4º de ESO, o alumnado do noso centro emprega iPad como ferramenta de traballo. Somos un centro pioneiro no uso destas tecnoloxías que levamos aplicando dende o ano 2012.

Apostamos tamén polo plurilingüismo impartindo materias en inglés, pero ademais como centro BEDA, formando e facilitando ao alumnado a superación dos exames de Cambridge cun éxito notable. Así mesmo, traballamos co alumnado para proporcionarlles a posibilidade de superar os exames de titulación DELF en francés, tamén cun éxito importante.