Normalización

O 15 de xuño de 1983 publícase no Diario Oficial de Galicia a Lei 3/1983, non vén ser outra cousa que a Lei de Normalización Lingüística que, entre outras cousas, posibilita a incorporación do galego ao ensino. Apóiase esta Lei no Estatuto de Autonomía de Galicia que no seu artigo 5 define ao galego como lingua propia do país. Nacen pois neste período en todos os centros escolares os Equipos de Normalización Lingüística que van dar continuidade aos obxectivos marcados pola propia Lei:

  • Implantar hábitos lingüísticos en galego nos nosos centros.
  • Facilitar o emprego do galego en todos os ámbitos da educación.
  • Comprender o galego como unha das múltiples linguas europeas.

Será no ano 2010 cando sae á luz o Decreto 79/2010 para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Neste Decreto e baixo os efectos da globalización, contémplase a lingua como un elemento básico de identidade cultural, é dicir, forma parte do noso rico patrimonio e como tal será obxecto de respecto e protección.

Baixo estes paraugas vai desenvolvendo as actividades encamiñadas aos fins antes descritos o Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio Maria Assumpta. Unhas veces de maneira individual e outras en colaboración cos outros centros de Galicia. Destacariamos no primeiro grupo aquelas que interconectan a tradición coa riqueza léxica que posúen. Estamos a falar do Magosto, do Samaín ou do Día do Peón. No segundo grupo merecen mención especial o Premio literario Frei Martín Sarmiento e o festival audiovisual Rec-Curta. Sen esquecernos por suposto do Día da Letras Galegas que todos os anos nos lembra a herdanza que nos deixaron outros ilustres galegos na defensa e uso do noso idioma.

Mais a función do Equipo non se limita só á realización de actividades. É misión fundamental o apoio que presta a comunidade educativa tanto a nivel humano como material, proporcionando as ferramentas necesarias para que non perdamos a chave deste gran tesouro, a nosa lingua.