Actividades extraescolares

cropped-dsc_6140.jpg

O colexio ofrece actividades extraescolares nas que propoñemos un complemento á educación regrada. Fieis á nosa proposta pedagóxica, estas actividades van dirixidas a fomentar a creatividade e ao desenvolvemento de capacidades que contribúan ao desenvolvemento integral do alumnado.

Xadrez (Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria)

O xadrez fomenta a concentración, a memoria e potencia a capacidade matemática. Esta actividade está deseñada para que o alumnado aprenda a pensar e mellore as habilidades sociais, cunha proposta baseada nas Intelixencias Múltiples.

Teatro (3º, 4º, 5º, 6º de Primaria)

Traballar a expresión oral, corporal ou emocional son aspectos que se traballan co teatro na aula. Sumado ao desenvolvemento do traballo en equipo e ás aprendizaxes transversais posibles logramos unha poderosa ferramenta pedagóxica.

Xogando en inglés (Educación Infantil e Primaria)

A importancia do dominio das linguas estranxeiras fai que a nosa aposta polos idiomas sexa múltiple. Completando a materia curricular, o inglés extraescolar é unha forma lúdica de potenciar a comprensión e a expresión en inglés.

Francés (Educación Primaria)

A nosa proposta de plurilingüismo non se limita ao inglés. Durante toda a Primaria, o alumnado pode ter unha introdución ao idioma Francés, enfocado dende unha perspectiva amena e accesible.

Informática (Educación Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria)

As novas tecnoloxías están moi presentes no colexio, do mesmo modo que na sociedade actual. Ofrécese a actividade coa finalidade de mellorar a competencia dixital, familiarizase coas ferramentas informáticas actuais e coñecer as pautas de uso seguro das redes,

Técnicas de estudo (5º e 6º de Primaria)

A chave duns bos resultados está tamén na planificación do traballo. Nos cursos máis avanzados da Primaria, o alumnado ten ocasión de aprender as técnicas que xa son útiles nestes cursos e fundamentais noutros superiores para facer o estudo efectivo e rendible.

ALCOR (5º e 6º de Primaria, ESO)

O grupo ALCOR, pertencente á Congregación das Fillas de Xesús, leva décadas coa súa actividade de formación aos xoves con proxectos solidarios, potenciando valores e participando en campamentos. Unha actividade divertida, educativa e solidaria todo a un tempo.

Preparación de exames de Cambridge e DELF (ESO)

O obxectivo é que o alumnado que remata a ESO no colexio o faga cun título oficial en Inglés e tamén en Francés. A actividade vai dirixida, exclusivamente, a preparar os exames de titulación máis prestixiosos (Cambridge e Alianza Francesa) e facémolo con notable éxito.

Manualidades (Infantil e Primaria)

Potenciar a actividade artística, mellorar a creatividade e facelo dunha forma amena e divertida. Esta é a proposta da actividade que, para os máis pequenos, contribúe tamén mellorando a motricidade fina e grosa.

Musical (Primaria)

A realización dun musical leva asociado unha serie de tarefas que melloran múltiples capacidades, como a expresión oral, a expresión corporal e musical. Pero tamén favorecen as habilidades sociais, o traballo en equipo e a responsabilidade individual e mesmo a creatividade.