A Eucaristía: canta, vive e celebra!

A semana pasada deron comezo as celebracións Sacramentais no Colexio. Posto que a Eucaristía ocupa un lugar único en canto a “Sacramento de Sacramentos”, decidimos comezar a traballala, vivila e celebrala cos nosos alumnos dunha maneira máis participativa.

Estas celebracións están orientadas aos alumnos desde 4º de Educación Primaria ata 4º da ESO. Entre os obxectivos están:

  1. Fomentar a participación dos alumnos como membros activos da Igrexa.
  2. Coñecer a estrutura da que consta unha Eucaristía: Ritos iniciais, Liturxia da Palabra, Liturxia Eucarística e Ritos de despedida.
  3. Acompañar aos alumnos na comprensión de que a Misa é celebrar, non só escoitar.
  4. Facilitar o encontro con Xesús e acercar aos alumnos á realidade que inspirou á Nai Cándida.
  5. Ofrecer aos alumnos diferentes propostas para traballar a Intelixencia Espiritual.

Como novidade, os alumnos da ESO baixarán a San Martín a celebralas, pois é unha forma máis motivadora para os alumnos destas idades. Os alumnos de Educación Primaria farana na Capela, como ata o de agora.

QUE METODOLOXÍA EMPREGAMOS?

A metodoloxía que se busca é activa e participativa por parte dos alumnos, acompañados polos mestres e o Sacerdote. Os alumnos xunto cos mestres, preparan e ensaian as partes da Misa e as lecturas que lles toca ler. É unha metodoloxía que lles gusta e que lles sensibiliza, pois teñen que pensar en situacións da súa vida cotiá e nas diferentes realidades que hai no mundo.